Executivas analiza a Axenda 2030

Executivas analiza a Axenda 2030
Foro virtual «A Igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible: Desafíos da Axenda 2030»
Venres 22 de outubro de 2020, de 10 a 13 h
Inscricións gratuita : https://forms.gle/VHb8K5bz1DXywmam7

Executivas de Galicia organiza o foro virtual “A Igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible: Desafíos da Axenda 2030″ dirixido a cocrear  estratexias innovadoras que axuden a acadar a sostibilidade mediante a igualdade de xénero efectiva en todos os ámbitos da  sociedade. A actividade, de inscrición gratuíta, está patrocinada polo Concello de Santiago.
A xornada será inaugurada pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky, e o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, e nela participarán os seguintes expertos na Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: Federico Buyolo, director adxunto do gabinete da Ministra de Educación y Formación Profesional, e ex director xeral da Oficina Alto Comisionado para la Agenda 2030; Josefa de León, portavoz do Pacto Mundial de Naciones Unidas – Red Española;  Elsa Arnaiz, presidenta e directora xeral de Talento para el Futuro e membro do Comité Mañana; e Javier Goizueta, fundador de La Aprendedora Social, consultor e profesor en Innovación Social.

Con esta primeira actividade, Executivas de Galicia pon en marcha un grupo de traballo centrado na Sostibilidade e os principais retos da Axenda 2030: erradicación da pobreza e desenvolvemento social, prosperidade económica compartida, e protección ambiental.

O impacto da COVID na consecución dos ODS
Segundo organizacións como UN Women, a emerxencia sanitaria da COVID 19 derivou, entre outros efectos, nun freo á sostibilidade e á igualdade a nivel mundial. Ao mesmo tempo, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre «A realidade da muller galega», as mulleres seguen a ser minoría na esfera política pero tamén nos postos de poder e representación a todos os niveis. Aínda que representan a metade da poboación galega, destacan nas cifras de desemprego, diferenza salarial, emprego parcial, asunción das tarefas do fogar e, por suposto, nas de violencia de xénero.

Ante esta situación é máis necesario ca nunca aplicar a innovación social e achegar solucións valentes para facer realidade os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030, a folla de ruta e as grandes liñas estratéxicas que como sociedade global marcámonos no seo das Nacións Unidas cara un mundo máis xusto, cohesionado e humano, que promova a calidade de vida e os dereitos de todas as persoas sen discriminacións, nun planeta protexido e perdurable.

Neste contexto, o foro nace para sumar no logro dos ODS favorecendo espazos de encontro onde achegar coñecemento e propostas de acción, así como avaliar se a Axenda 2030 está avanzando de xeito efectivo nos obxectivos previstos, e o grado de compromiso das institucións e dos axentes  económicos e sociais.

Estrutura do Foro
O encontro dixital comezará cunha mesa de diálogo entre persoas expertas na Axenda 2030 e a igualdade como eixo transversal dos ODS, á que se sucederán diversos obradoiros de cocreación centrados nalgunhas das metas dos ODS que máis directamente inciden na igualdade para a sostibilidade.
Os obradoiros centraranse nos recursos económicos e o emprego, a educación en igualdade, a violencia de xénero, o traballo doméstico e a corresponsabilidade, o liderado das mulleres, e a lexislación fronte ás desigualdades. As conclusións e iniciativas destes grupos de traballo faranse públicas nos días posteriores.
Inscricións gratuita : https://forms.gle/VHb8K5bz1DXywmam7 

También podría gustarte

Los comentarios están cerrados.